Tristana Moraleja di que os cidadáns “non se deixarán enganar” por un Sánchez que pretende culpar á oposición e tapar a súa “inutilidade”

A deputada do Partido Popular pola provincia da Coruña, Tristana Moraleja, anunciou hoxe que a súa formación levará a cabo durante toda esta semana unha recollida de firma nos 93 concellos coruñeses, coa que os populares pretenden mostrar o rexeitamento maioritario da sociedade contra o decreto ‘OMNIBUS’ promovido polo Goberno que encabeza Pedro Sánchez.

 

“Os cidadáns non se deixarán enganar. Saben perfectamente que este decreto é unha proba máis da inutilidade de Sánchez á fronte do Goberno”, apuntou Moraleja, quen subliñou que a oposición “non é responsable” de que o Goberno se quedase só unha vez máis á hora de sacar adiante as súas iniciativas.

 

A popular aproveitou para recalcar que, lonxe dun escudo social como pretenden vender os socialistas, o decreto esconde unha subida do IVE dos alimentos e da factura da luz, así como un recorte no financiamento das comunidades autónomas en materia de sanidade, educación ou dependencia, ademais de protexer os ‘okupas’.

 

Moraleja insistiu en que os populares reiteraron desde o primeiro día que os socialistas poden contar cos seus votos para sacar adiante o aumento das pensións, as bonificacións para o transporte e as axudas para os afectados pola o DANA. “Mañá mesmo poderían aprobarse estas medidas. Todo o mundo sabe que o PP está pola labor de votar a favor, pero o que non pode o señor Sánchez é seguir tratando de colar asuntos cos que non están de acordo a maioría dos españois”, dixo.

 

Nesta liña, a popular asegurou que, se Sánchez “non conta cunha maioría social nin parlamentaria e ten bloqueado o país, o que ten que facer é convocar eleccións”, e denunciou que moitos dirixentes socialistas “están a mentir para xustificar a chantaxe ao que Sánchez quixo someter os españois”.

 

Axudas transportes

No referente ás axudas no trasporte, a popular puxo sobre a mesa que neste momento e ata o final deste mes, a Xunta mantén a bonificación da tarifa do 50%. “Agardamos que nestes días o Goberno transmita certezas ás persoas usuarias do transporte público e non as utilice dentro das súas batallas partidistas”, indicou.

 

Con todo, dixo, Moraleja, tanto se o Ministerio soluciona a súa parte da bonificación como se non, desde febreiro, como xa anunciara a Xunta, está garantida a bonificación do 20% que lle corresponde ao Goberno galego durante 2025 e ata a implantación da Área de Transportes de Galicia .

 

Por último, a popular recordou que para garantir uns prezos competitivos no transporte público, a Xunta aplica outros descontos autonómicos no transporte interurbano como a redución do 10% sobre a tarifa en efectivo; os descontos adicionais do 15% a usuarios recorrentes e ata o 50% a familias numerosas, así como transbordos gratuítos dentro das áreas de transporte metropolitano, e os 60 viaxes gratis ao mes coa Tarxeta Xente Nova e para maiores de 65 coa tarifa +65.